O CPXG condena as represalias de Pescanova contra xornalistas que informaron da situación do grupo

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere denunciar publicamente os ataques da dirección de Pescanova contra traballadoras e traballadores da comunicación polo simple feito de informar sobre esta empresa.
Hoxe mesmo, Expansión publica que a empresa informática Desadi 10, "cliente do grupo", despediu ao home da delegada do xornal en Galicia, Abeta Chas, "por indicación de Pescanova debido á información que a túa muller escribiu en Expansión".

Abeta Chas é delegada de Expansión en Galicia desde 2005. Na actualidade, é vicepresidenta da Asociación da Prensa de Vigo, que presidiu durante moitos anos. Xornalista experimentada, traballou tamén en La Voz de Galicia, Atlántico Diario e a TVG.

Segundo Expansión, informacións publicadas por esta profesional afirmando que os acreedores de Pescanova queren o relevo de Manuel Fernández de Sousa poderían estar detrás do despedimento do seu marido. O xornal asegura que foi o propio Fernández de Sousa o que reclamou o despedimento.

Ademais disto, no día de onte, gardas de seguridade de Pescanova impediron o acceso dos xornalistas ao exterior da factoría durante a reunión do consello de administración. Os membros da empresa de seguridade do grupo argumentaron que era privada a estrada que accede ás instalacións, malia a non existir ningunha indicación diso.

Estes casos non son outra cousa senón ataques intolerábeis da dirección de Pescanova á liberdade de prensa e ao dereito da cidadanía a ser informada sobre a situación dun dos principais grupos empresariais galegos. O Colexio de Xornalistas quere condenar enerxicamente estes actos e quere facer chegar a súa solidariedade a todos os xornalistas afectados.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
15 de marzo de 2013