O CPXG pide que se manteña a hemeroteca de Xornal de Galicia

Esta mañá, a web do extinto diario Xornal de Galicia deixou de estar operativa. Aínda que un medio de comunicación deixe de ofrecer noticias á cidadanía, o historial dos seus contidos, o que se coñeceu como hemeroteca, é un patrimonio dos profesionais que os elaboraron, da audiencia que os leu e comentou e da sociedade enteira que retratou ao longo da súa existencia.
Os contidos de Xornal de Galicia, tanto os do diario dixital que durou 13 anos como o editado en papel que durou tres, deberían estar a disposición de calquera que quixera consultalos, con obxectivos de investigación ou por mera curiosidade.

Que se saiba, non vai ser así. A pesares das demandas que fixeron os seus traballadores na negociación do ERE, e das peticións que realizaron algúns dos seus colaboradores, a día de hoxe non está garantida a conservación dese patrimonio informativo, e non sabemos se mesmo está definitivamente perdido e irrecuperable. O CPXG realizou tamén hai días xestións nese sentido, e é consciente de que o Consello da Cultura Galega ofreceuse no seu momento a acoller nos seus servidores de internet ese patrimonio. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia súmase a ese ofrecemento.

Tan grave como a probable perda desa fonte de análise da realidade galega durante os últimos trece anos, é o feito de que tampouco hai a seguridade de que exista, con acceso público, unha colección do diario editado en papel. Segundo consultas realizadas polos traballadores de Xornal, na Biblioteca de Galicia, encargada da xestión do Depósito Legal, non poden certificar que teñan todos os exemplares. Hai, si, en mans da empresa editora, unha colección en papel, e unha versión en formato pdf., pero non accesibles ao público. Doutra publicación do mesmo grupo, tamén pechada, A Nosa Terra, non hai na rede máis que a caché da derradeira portada, do 14 de outubro pasado. Esta situación contrasta coa doutros medios xa pechados, como Vieiros, que seguen estando accesibles, a pesares de que a grupo editor era ben máis modesto.

A Xunta de Goberno do CPXG xa se pronunciou no seu momento sobre a decisión da empresa de pechar Xornal de Galicia nas versións primeiro de papel e logo dixital. Non lle pode esixir que asuma o mínimo gasto de mantemento do histórico dos seus contidos, pero si que deposite ese patrimonio en institucións públicas para que así estea a disposición de todos os cidadáns, ben a través de internet, ben polo menos nun arquivo en soporte dixital.

Santiago de Compostela, 19 de Outubro de 2011

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia