O grupo de investigación Novos Medios da USC organiza un seminario sobre comunicación e IA

O grupo de investigación Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, organiza o seminario online A comunicación na era da intelixencia artificial, que se desenvolverá o vindeiro venres 2 de febreiro, en horario das 12.00 ás 14.00 horas. A asistencia está aberta de maneira gratuíta, mediante inscrición previa, para profesionais da comunicación. 

O seminario A comunicación na era da intelixencia artificial está coordinado por Xosé López García e Berta García Orosa, ambos os dous catedráticos de Xornalismo na USC, e vai contar coa participación de Sara Pérez Seijo, membro do grupo Novos Medios e profesora axudante doutor da USC; David Losada Carril, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial na USC; e Marcos Fernández Pichel, investigador CITIUS. As distintas intervencións analizarán as principais ferramentas e habilidades para comunicar na era da intelixencia artificial.

Tras a presentación por parte dos coordinadores, a primeira ponencia do seminario correrá a cargo de Pérez Seijo, que ás 12:15 disertará sobre "O xornalismo e a intelixencia artificial. Riscos e oportunidades". Ás 13:00 será a vez de Losada Carril e Fernández Pichel, que tratarán de "A revolución dos axentes conversacionais intelixentes: IAs xenerativas baseadas en Modelos Grandes de Linguaxe para a comunicación".

As charlas van realizarse a través da aplicación Zoom. A asistencia é aberta e gratuíta para persoas académicas, investigadoras e profesionais dos medios, previa inscrición a través deste formulario

CPXG