O IPI pide a liberación do xornalista que máis tempo leva prendido en EEUU

O Instituto Internacional de Prensa (IPI) pediu a liberación de Josh Wolf, o xornalista que leva máis tempo prendido en Estados Unidos, autor dun blog ó que a Xustiza esixira que entregase un vídeo.
Nunha nota difundida en Viena, o IPI, que condena esta longa situación, resalta que Wolf leva máis de 180 días detido en Dublin, California, por se ter negado a entregar á Xustiza o vídeo solicitado e tras ter perdido varias apelacións.

Tras a última audiencia, o 30 de xaneiro nun tribunal de California, "parece que terá que permanecer en prisión" ata que o "gran xurado da acusación conclúa a súa investigación en xullo", indica o comunicado.

Un día antes, o fiscal Kevin Ryan dixo neste tribunal que Wolf "é xornalista só na súa imaxinación", mentres que a Sociedade de Xornalistas Profesionais cita a Wolf, graduado na Universidade de San Francisco, como "un xornalista do ano 2006", engade o IPI.

"A credibilidade de Wolf é fundamental para o seu traballo e os intentos de coacción contra el para que entregue información confidencial minguarían severamente o seu traballo", sinala na nota Johann P. Fritz, director do IPI.

Con sede en Viena, o IPI é unha rede mundial de directores e redactores xefes de medios de información que defenden o respecto á liberdade de prensa e a vida dos reporteiros.

VIENA
EL MUNDO / EFE