O Tribunal Superior cre que a televisión dixital de Galicia non vulnera as leis

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou un recurso da Administración do Estado que consideraba que o réxime xurídico da televisión dixital de Galicia vulneraba o ordenamento xurídico.
O Diario Oficial de Galicia publicou o 26 de abril do 2005 o decreto da Xunta que regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital na Comunidade. Dous meses despois, a Delegación do Goberno en Galicia requiriu ao presidente da Xunta para que modificase determinados preceptos do decreto, por considerar que eran contrarios ao ordenamento xurídico. A resposta chegou un mes máis tarde por parte do director xeral de Comunicación e Audiovisual, quen rexeitou o requirimento. Seguindo as instrucións do delegado do Goberno, a avogacía do Estado interpuxo recurso contencioso-administrativo contra o decreto, que agora foi desestimado polo Tribunal Superior.

Impugnación

A impugnación á que aludía o delegado do Goberno facía referencia a dous apartados do artigo 2, que establecen que .

Argumentos

Argumentaba a representación do Estado que estes apartados poderían entrar en colisión co principio comunitario da libre prestación de servizos, ó primar un requirimento de territorialidade (que as producións sexan galegas) en detrimento das realizadas noutros territorios comunitarios; e tamén o principio da libre competencia, na medida en que se prime ó produtor dun territorio concreto sobre outros posibles competidores doutros territorios.

A sentenza da sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza considera que no decreto se está a fomentar e potenciando o produto galego, non ó produtor galego, o cal se axusta ó ordenamento xurídico e non vulnera as liberdades comunitarias na prestación de servizos, competencia e establecemento.

A CORUÑA
LA VOZ DE GALICIA
A.Aróstegui