Os colectivos profesionais de Galicia, en defensa dos medios públicos

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, as Asociacións de Xornalistas de A Coruña, Santiago e Lugo, adscritas a FAPE, así como o Sindicato de Xornalistas de Galicia, apoian as iniciativas adoptadas polos traballadores e traballadoras da CRTVG en defensa da súa independencia e da liberdade de información.
Trala denuncia realizada polo Comité de Empresa da CRTVG sobre o que cualifican como prácticas de manipulación no seguimento de diversos casos de corrupción política e das presións exercidas sobre xornalistas dos servizos informativos, os colectivos profesionais celebran o paso adiante dos informadores en defensa do crucial papel dos medios públicos como garantes dunha información plural, veraz e independente e o uso de criterios exclusivamente xornalísticos na elaboración de contidos informativos.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, as Asociacións da Prensa de A Coruña, Santiago e Lugo, e o Sindicato de Xornalistas de Galicia consideran que un elemento necesario para fortalecer a calidade e independencia da información ofrecida polos medios públicos é a posta en funcionamento do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos, previstos pola Lei 9/2011, aprobada polo Parlamento Galego. Tamén reclama que se poña en marcha a elección do director xeral por maioría cualificada do Parlamento e a escolla de persoas con experiencia profesional acreditada para formar parte do Consello de Administración (demanda que fan extensiva aos membros do Consello Asesor de RTVE en Galicia). Así mesmo, demandamos a creación dun Consello do Audiovisual, existente en todos os países da Unión Europea, e que en España xa funciona desde hai anos en Cataluña e Andalucía.

Nese sentido recordamos que as conclusións do Grupo de Alto Nivel (HLG) sobre Pluralismo e Liberdade de Medios de Comunicación da Comisión Europea convocado pola vicepresidencia da Comisión Europea establecían que todos os países da UE deberan ter consellos de medios de comunicación independentes, con competencias para investigar queixas, comprobar códigos de conduta e conflitos de interese, etc. Eses consellos deberan ter poderes de aplicación real, como a imposición de multas, a obriga de publicar ou transmitir desculpas, ou a eliminación do estatus de xornalista. Igualmente, di o HLG, "calquera propiedade pública dos medios de comunicación debera estar suxeita a regras estritas que prohiban a interferencia gobernamental, que garantan o pluralismo interno e que estean baixo a supervisión dun corpo independente que represente a todas as partes interesadas".

Por último, o Colexio de Xornalistas, as Asociacións da Prensa, e o Sindicato de Xornalistas manifestan a súa unidade cara a defensa dos medios públicos galegos fronte os ataques de calquera signo que debiliten ou ameacen a súa permanencia e presenza na sociedade galega como garantes da defensa da lingua e cultura propios, principio para os que foi creada a CRTVG mediante a Lei 9/1984

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2013

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela
Asociación da Prensa da Coruña
Asociación da Prensa de Lugo
Sindicato de Xornalistas de Galicia