Os Colexios de Xornalistas de Andalucía, Cataluña e Galicia consideran que a reforma procesal penal de Gallardón supoñerá a reinstauración da censura

Comunicado conxunto dos tres colexios polo anteproxecto de lei de enxuizamiento criminal elaborado polo Ministerio de Xustiza, que pretende que xuíces ou fiscais poidan prohibir a difusión en medios de declaracións ou feitos da investigación.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Col.legi de Periodistes de Catalunya e o Colegio Profesional de Periodistas de Andalucia, como corporacións de dereito público encargadas de defender o exercicio profesional do xornalismo e promover e facer gardar a independencia informativa, así como, de acordo co art. 20.1 da Constitución Española, defender o Dereito Fundamental á liberdade de información e de expresión garantidas a todos os cidadáns, vémosnos na obrigación de advertir que o anteproxecto de Código Procesal Penal, que substituirá á vigente Lei de Enxuizamiento Criminal, outorgará ao fiscal a facultade de instrutor, pero tamén, baixo a aparencia de convertelo no portavoz da instrución ante os medios, transformarao de facto nun censor.

A proposta pretende limitar o dereito fundamental á información nunha dobre vertente, por unha banda facultando ao fiscal como instrutor para prohibir informar a todos os cidadáns que interveñan nun proceso, atribuíndolle en exclusiva a facultade de informar aos medios, o que limita gravemente o acceso ás fontes e a posibilidade de contrastar a versión oficial, e doutra banda posibilita que se poida ordenar o cese da difusión do proceso a través dos medios de información, baixo os criterios genéricos de que se poida comprometer o dereito a un proceso xusto ou os dereitos fundamentais dos afectados.

O borrador do Código Procesal, no artigo 132, párrafo 3, establece que "durante a fase de investigación o Fiscal poderá requirir ao encausado, testemuñas, peritos profesionais, ou a calquera terceiro que haxa ter acceso á información que conveña manter reservada, que se absteñan de revelar fóra do proceso o contido das declaracións ou calesquera datos ou informacións sobre os feitos investigados dos que tiver coñecemento". E tamén, finalizada a investigación, o fiscal poderá solicitar ao Tribunal que estenda ese sixilo ata a apertura da vista oral. É dicir, que o ministerio público pode impoñer durante todo o tempo -meses ou anos- que dure a investigación que ninguén relacionado co caso, non xa o encausado nin os letrados que o defenden ou acusan, senón calquera testemuña ou perito, revele ou comente nada do que dixera ou escoitara sobre o asunto.

Como, obviamente, pretender facer cumprir tal sixilo vai resultar máis imposible aínda que o actual segredo do sumario, o anteproxecto ataca o problema de raíz: a difusión pública: "Se difundir públicamente por calquera medio información sobre o proceso, con vulneración do segredo das actuacións ou no seu caso dos deberes de sixilo e reserva previstos neste Título, o Tribunal de oficio ou instancia do Ministerio Fiscal poderá acordar, previa ponderación dos intereses en conflito o cese da difusión, sempre que esta puider comprometer gravemente o dereito a un proceso xusto ou os dereitos fundamentais dos afectados" (art. 132.4). Ou sexa, segundo unha previa ponderación que non parece distinguible do libre albedrío, o Tribunal pode acordar que se deixen de difundir declaracións que se prestaron ou feitos que se produciron.

Estas decisións xudiciais restrictivas, especifica o artigo 133, "adoptaranse mediante auto ou mediante resolución oral se se dictan en vistas ou comparecencias e serán sempre motivadas. Fronte a elas non caberá recurso algún, sen prexuízo do que proceda fronte á sentenza que se dicte, sempre que se formulou a oportuna protesta" (133.1), é dicir, cando xa pasou todo. "Se a prohibición de difusión proviñese do Ministerio Fiscal adoptará a forma de decreto e poderán ser impugnada ante o Tribunal de Garantías polas partes ou polos afectados" (133.2). Cabe observar que no primeiro dos supostos, os medios de comunicación non teñen posibilidade de recorrer, ao non ser parte. E no segundo non queda tampouco moi claro.

A forma en que se lle asigna ao fiscal a función de único portavoz é máis dotalo dun interruptor que dun altofalante. Os tres párrafos do artigo 134 ("Información sobre procesos en curso") revelan un profundo descoñecemento sobre a misión e as necesidades da información, ademais de atribuírse reiteradamente a responsabilidade de determinar o interese público. O Código Procesal di que é función da Fiscalía Xeral do Estado, "informar aos medios sobre o curso dunha investigación, sempre que iso non poña en perigo o seu éxito e o asunto sexa de interese público" e "así mesmo poderá proporcionar información aos medios sobre a marcha do proceso cando a fase de investigación finalice e a causa teña transcendencia para a opinión pública". A policía só poderá informar coa autorización do fiscal. Desde logo, se unha causa ten transcendencia para a opinión pública, é bastante optimista pensar que vai esperar para ser informada o longo prazo que dura a fase de instrución.

Non todo é negativo no borrador. O artigo 131, que regula a presenza dos medios de comunicación nas vistas orais é, dentro da súa notoria parquidade, máis ou menos correcto. E é de celebrar que se recoñeza por fin o dereito ao segredo profesional (artigo 371.1c "Dispensa da obrigación de declarar por razón do segredo profesional aos xornalistas, con relación ás fontes de información utilizadas no desenvolvemento da súa actividade profesional").

De todos os xeitos, manifestamos o noso malestar porque na elaboración dunha norma tan importante, aínda que sexa en fase de anteproxecto, que vén substituír a outra máis que centenaria, non se consultaron aos organismos profesionais en aspectos tan delicados -e tan, como reza a redacción do borrador, de interese público- como a transparencia da xustiza cara á sociedade e a publicidade dos procesos xudiciais, dos que os medios son os intermediarios esenciais.

COLEGIO PROFESIONAL DE PERIODISTAS DE ANDALUCÍA
COL.LEGI DE PERIODISTES DE CATALUNYA
COLEXIO PROFESIONAL DE PERIODISTAS DE GALICIA