Os sindicatos denuncian "trato ilegal" a 160 traballadores de RTVE

Os sindicatos maioritarios en RTVE mostráronse críticos coa xestión do ERE (expediente de regulación de emprego) que está a facer a dirección da corporación. Aseguran que uns 160 traballadores quedaron en situación "ilegal", polo que ameazan con acudir ós tribunais se a empresa non o soluciona.
Os responsables das seccións sindicais de CCOO e UGT, Marcel Camacho e Francisco Andújar, respectivamente, fixeron estas denuncias en vésperas dunha reunión que o martes manterá o Comité Xeral Intercentros (CGI) coa dirección da empresa para abordar os problemas que se derivaron da execución do proxecto de axuste pactado entre as dúas partes. Segundo explicou Camacho, uns 160 traballadores que non se acolleron ó ERE foron adscritos ó ente en liquidación, en lugar de subrogalos á corporación como esixe a lei que se faga con casos de sucesión ou extinción de empresas como a que está en marcha en RTVE.

"Iso é ilegal, dixémosllo á empresa e estes traballadores non poden quedar así. Se non o arranxan, plantexareamos unha demanda xudicial", advirte.

Para Andújar, a empresa non pode levar "ó limbo" a uns traballadores apuntándoos a un ente en extinción. "Haberá que mobilizarse se a empresa non resolve isto", asegura.

Reparto unilateral

Os sindicatos ven outros fallos na execución do ERE. Aseguran que o reparto "unilateral de traballadores que fixo a dirección sen consultarnos, como tería sido o lóxico", en palabras de Camacho, traduciuse en "desaxustes" en varios centros territoriais.

UGT cita o caso da emisora de Radio Nacional en Palencia, que "chegou a quedar sen un só xornalista porque a saída de traballadores non se fixo co esbanzamento debido". "E noutros centros non quedou o persoal suficiente para facer todas as quendas de traballo", sinalou Andújar.

Ademais, o sindicato APLI denunciou nun comunicado que o último mes en RTVE foi un "caos" polas deficiencias detectadas na xestión do ERE, entre as que tamén menciona o problema con estes preto de 150 empregados "levados" ó ente en liquidación.

Dos 4.150 traballadores previstos no expediente de regulación, apuntáronse na lista con data 1 de xaneiro uns 880 e para febreiro hai previstos outros 400.

De que chegue a bo porto o proxecto de axuste terán que ocuparse o novo presidente, Luis Fernández, e os outros 11 conselleiros que escolleron por consenso en decembro os grupos políticos para integrar o novo Consello de Administración de RTVE. Tomarán posesión o próximo luns, día 15, no Congreso, nun acto presidido polos presidentes do Congreso e o Senado. Posteriormente, producirase a primeira reunión do novo Consello.

MADRID
EL MUNDO / SERVIMEDIA