'Quen son elas?', un programa de radio centrado no deporte minoritario e feminino, é o proxecto gañador da VIII Bolsa Nacho Mirás
O xurado da oitava edición da Bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, decidiu premiar o proxecto Quen son elas?, de Cinthia Piñeiro Acevedo, un programa radiofónico que pretende abrir un espazo de difusión ao deporte galego de disciplinas pouco coñecidas, así como ao papel da muller no deporte.
A Bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, recaeu nesta oitava edición en Quen son elas?, un proxecto presentado por Cinthia Piñeiro Acevedo. O xurado, formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela, valorou no proxecto gañador "a forma de achegarse á comunicación deportiva desde dúas perspectivas distintas: por un lado, facendo fincapé nos deportes minoritarios, e, por outro, pola súa perspectiva de xénero, dándolle voz e protagonismo ás mulleres", así como "a boa planificación incluída na candidatura, que permite albiscar que o proxecto pode ter continuidade no tempo".
Quen son elas? é un programa radiofónico a través de YouTube que pretende abrir un espazo de difusión aos deportes minoritarios e minorizados en Galicia, mais tamén o de ter a ollada posta na perspectiva de xénero. Cada programa estará formado por unha entrevista duns vinte minutos a deportistas ou persoas con cargos vinculantes no deporte, acompañada de dúas seccións secundarias que irán alternando entre as seguintes: Efeméride (reportaxes sobre días conmemorativos oficiais vinculados co deporte e coa data de publicación), Faino como Virginia Switzer (historias de deportistas galegas veteranas), Os clásicos galegos (sobre deportes tradicionais) e Pequenas promesas (informacións das campioas que xa comezan a dar os seus primeiros resultados en competicións de alto rendemento). Nas entrevistas aparecerán mulleres e homes, mais as seccións secundarias estarán dedicadas exclusivamente á historia de discriminación deportiva feminina. O proxecto busca, polo tanto, crear unha comunicación xornalística na que se aborden contidos doutras actividades alén do fútbol masculino.
O proxecto foi presentado Cinthia Piñeiro Acevedo, que acadou o Grao de Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela o pasado ano 2022. Piñeiro ten realizado practicas laborais como redactora en Galicia Press, e como redactora e locutora na Radio Galega, onde elaborou contidos para os programas Galicia Por Diante, A Crónica, Informativos Fin de Semana e Diario Cultural, ademais de publicar podcasts na web da emisora. O seu Traballo de Fin de Grao, Quen son elas? O deporte galego dende a perspectiva de xénero, no que está o alicerce do proxecto presentado á Bolsa Nacho Mirás, recibiu ex aequo o premio da Valedora do Pobo ao mellor TFG en materia de igualdade.
A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formarse o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021) e Notas á marxe (2022).
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
CPXG