Rusia asegura que os asasinatos de xornalistas son "delictuosos" na súa maioría

Rusia nega que a maioría de asasinatos de xornalistas no seu territorio estean relacionados co exercicio da súa actividade profesional, como mantén a Unión de Xornalistas de Rusia (UPR).
"A maioría de asasinatos teñen un carácter delictuoso e non están relacionados coa actividade profesional das vítimas", asegurou un portavoz do Ministerio ruso de Asuntos Exteriores á axencia Interfax.

A Chancelería rusa fixo esta declaración despois de que o pasado sábado un xornalista da televisión rusa, Konstantín Borovko, morrese mallado á saída dun bar en Vladivostok, capital do afastado oriente ruso.

Segundo os testemuños dos seus compañeiros, Borovko, de 25 anos e que presentaba un programa na televisión da cidade de Jabarovsk, raiana con China, viaxara a Vladivostok para se examinar na universidade local.

O representante do Kremlin no Afastado Oriente ruso, Kamil Isjakov, asegurou que "ningún crime contra os profesionais da información quedará sen investigar".

Desde que o presidente ruso, Vladímir Putin, chegou ó poder a principios do ano 2000, quedaron sen resolver, polo menos, 12 casos de asasinatos de xornalistas, segundo a UPR.

Ademais, case a metade (265) dos xornalistas asasinados nos últimos 15 anos no mundo (589) eran cidadáns da antiga Unión Soviética, asegurou recentemente en Moscova o presidente da Confederación Internacional de Xornalistas, Ashot Gazayán.

No caso de maior repercusión dos últimos anos, Anna Politkovskaya, unha das voces máis críticas coa política do Kremlin en Chechenia, foi asasinada o 7 de outubro do ano pasado no portal do seu domicilio en Moscova.

O asasinato produciuse cando a xornalista preparaba un artigo sobre as torturas sistemáticas en Chechenia, que foi publicado de maneira póstuma polos seus compañeiros cinco días despois da súa morte.

MOSCOVA
EL MUNDO / EFE