Un tribunal francés ampara ó semanario que publicou as caricaturas de Mahoma

O Tribunal Correccional de París absolveu á revista satírica e laica francesa 'Charlie Hebdo' do delito de inxurias con base relixiosa por ter publicado tres caricaturas de Mahoma, en febreiro de 2006.
O tribunal considera que as tres caricaturas do profeta publicadas por 'Charlie Hebdo' non son constitutivas do delito de inxurias, en contra do que mantiñan as dúas organizacións musulmás demandantes.

As caricaturas obxecto de litixio eran tres: unha debuxaba a Mahoma cun turbante do que saía a mecha dunha bomba, noutra o profeta pedía ós terroristas que non se inmolasen porque xa non quedaban máis virxes no paraíso e na terceira presentaba ó profeta lamentándose de ser "amado por parvos".

As dúas primeiras foran publicadas previamente, en setembro de 2005, polo diario dinamarqués 'Jyllands-Posten', mentres que a terceira era obra do francés 'Cabu', un debuxante habitual de 'Charlie Hebdo'.

A sentenza pronunciada pola sala 17 do Tribunal Correccional de París é acorde coa requisitoria da Fiscalía.

O pasado 28 de febreiro, o Ministerio Público pedira a absolución do director do 'Charlie Hebdo', Philippe Val, ó considerar que a publicación desas caricaturas era conforme ó dereito da liberdade de expresión e que non atacaban ó Islam senón ós integristas.

A defensa de Val, que tamén pedira a absolución, afirmou que nunca houbo intención de ferir a ninguén e subliñou que Francia é un país laico onde a liberdade de expresión é fundamental. Pero as entidades musulmás demandantes, a Unión de Organizacións Islámicas de Francia (UOIF) e a Gran Mesquita de París, non estaban de acordo con esa lectura.

Por iso, pediron que se recoñecese o delito de inxurias con base relixiosa, penado con ata seis meses de cárcere e multa.

Esta sentenza é unha das primeiras en Europa en tratar directamente a controversia xurdida tras a publicación das caricaturas de Mahoma inicialmente en Dinamarca.

Esa primeira publicación provocou reaccións virulentas en países musulmáns e un boicot dos produtos dinamarqueses.

EL MUNDO/EFE
PARÍS