Dezasete xornalistas mortos en apenas once días de guerra en Gaza

A situación na Franxa de Gaza está a resultar completamente devastadora para a liberdade de información, cunhas cifras de xornalistas mortos practicamente sen precedentes. En só once días de conflito, o Commitee to Project Journalists confirmou o pasamento de dezasete comunicadores: tres israelís falecidos no ataque liderado por Hamás do 7 de outubro e trece palestinos e un libanés mortos nos posteriores bombardeamentos e accións militares de Israel sobre Gaza e o Líbano. A FIP solicitou á Unesco que garanta a protección das e dos informadores. 

Cando se fan once días do recrudecemento dos enfrontamentos entre Israel e a Franxa de Gaza, logo do ataque organizado por Hamás e outras organizacións palestinas e a declaración do estado de guerra por parte israelí, o Commitee to Project Journalists (CPJ) recompila a información dos xornalistas mortos por causa do conflito. A día 17 de outubro organización confirmou a morte dun total de dezasete informadores, trece deles palestinos, tres israelís e un libanés, ademais de oito xornalistas máis feridos e tres desaparecidos ou detidos. O CPJ asegura que está a investigar máis dun cento de casos sen confirmar de xornalistas asasinados, desaparecidos, detidos ou ameazados, así como de ataques a sedes de medios e casas de comunicadores. Como comparación, o país con máis xornalistas mortos no 2022 foi Ucraína, con doce falecidos ao longo de todo o ano.  

Os tres xornalistas israelís mortos fórono no primeiro día da contenda, o 7 de outubro, no ataque coordinado de Hamas, a Yihad Islámica, a Fronte Popular para a Liberación de Palestina e a Gorida dos Leóns. Trataríase de Shai Regev, xornalista de entretemento de Ma'ariv e Ayelet Arnin, editora de noticias da radiotelevisión pública israelí, ambas as dúas mortas no Festival Supernova; e Yaniv Zohar, fotógrafo de Israel Hayom asasinado xunto á súa familia no kibbutz Nahal Oz. Ese mesmo día faleceron os tres primeiros xornalistas palestinos, Mohammed Al-Salhi, freelance asasinado en al-Bureij; Muhammad Jarghoun, xornalista da axencia Smart Media, en Rafah, e Ibrahim Mohammad Lafi, fotógrafo de Ain Media, cerca do paso de Erez. Os tres foron mortos a tiros, presumibelmente do exército israelí, mentres estaban a informar. 

Ademais deles, varios xornalistas palestinos morreron nos días seguintes polos bombardeamentos israelís. Assaad Shamlakh, freelance, faleceu xunto a nove membros da súa familia o 8 de outubro en Sheikh Ijlin. Saeed al-Taweel, editor xefe da web de noticias Al-Khamsa, e Mohammed SobhHisham Alnwajha, fotógrafo e redactor da axencia Khabar respectivamente, foron asasinados o 9 no mesmo ataque aéreo contra unha zona de Rimal onde se encontraban varios medios de comunicación. Mohamed Fayez Abu Matar, fotógrafo freelance, faleceu o 11 durante o ataque israelí a Rafah, e Ahmed Shehab, xornalista da radio A Voz dos Prisioneiros, o 12 en Jamalia xunto a toda a súa familia. 

O 15 de outubro morreu o primeiro xornalista en solo libanés, Issam Abdallah, cámara da axencia Reuters afincado en Beirut, alcanzado por un mísil israelí mentres estaba a informar. Ese mesmo día faleceu tamén nun ataque aéreo Husam Mubarak, da radio Al Aqsa, e confirmouse a morte de Salam Mema, freelance e presidenta do Comité de Mulleres Xornalistas da Asemblea de Medios Palestinos, logo de tres días sepultada baixo os escombros da súa casa. Por último, o 17 de outubro morreron en ataques aéreos no norte de Gaza Mohammad Balousha, xornalista da canle de noticias Palestina HoxeIssam Bhar, da televisión Al Aqsa

A listaxe de xornalistas asasinados pode continuar medrando a medida que se confirman novos casos e avanza o conflito. Ademais, o CPJ recolle o caso de tres fotoxornalistas desaparecidos: os palestinos Nidal Al-Wahidi (presumibelmente detido) e Haitham Abdelwahid e o israelí Roee Idan. De ningún deles se ten noticia desde o comezo do conflito, o 7 de outubro. Recollése información ademais de seis xornalistas feridos, todos os cales nun ataque israelí mentres informaban desde o sur do Líbano. 

A Federación Internacional de Xornalistas xa realizou unha petición á Unesco para que garanta a protección dos xornalistas e realizou unha serie de recomendacións para os e as profesionais que estean a cubrir a guerra sobre o terreo. Ademais, a federación denunciou as trabas a informar, e lembrou que segundo o Sindicato de Xornalistas Palestino, actualmente non hai xornalistas estranxeiros que informen desde a Franxa de Gaza ou teñan permiso para acceder a ela, o que deixa a rexión nun bloqueo informativo total e fomenta a proliferación da desinformación

CPXG