Remata a primeira fase da formación a xornalistas en materia de igualdade e prevención da violencia machista

Xornada de formación celebrada este sábado

Este sábado 18 rematou a formación en materia de igualdade e prevención e tratamento da violencia de xénero dirixido a profesionais dos medios de comunicación posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, co apoio da Consellaría de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. Deuse así cumprimento a unha creación e capacitación inicial dunha ducia de xornalistas para impartir formación a partir de 2022 en materia do tratamento informativo sobre violencia de xénero nos distintos medios galegos.

Coa xornada celebrada este sábado 18 de decembro no Centro Cultural Abanca de Santiago de Compostela púxose o ramo á primeira fase da iniciativa de formación en materia de igualdade e prevención e tratamento da violencia de xénero a xornalistas, dentro do convenio asinado este ano entre a Consellaría de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través da Secretaría de Igualdade, e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A docente María Isabel Menéndez Menéndez, profesora titular de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidade de Burgos, foi a responsábel da formación e continuará a coordinar as accións na súa traslación ás redaccións, co deseño dos obradoiros e dos materiais que se empregarán neles.

A sesión deste sábado ofreceu unha reflexión sobre as formas de discriminación sexista máis ou menos explícitas nos medios de comunicación, que afectan incluso ás mulleres máis poderosas, o que explica que aconteza con facilidade nas vítimas de violencia de xénero. Fíxose un percorrido polo tratamento informativo das agresións machistas desde os anos 80, cando formaban parte da crónica negra, até a actualidade, no que se esixe un tratamento especializado, tendo en conta que se trata dunha forma de violencia estrutural e non de casos illados.

Temas pendentes ou controvertidos como o tratamento informativo da custodia compartida imposta, da falsa síndrome de alienación parental, da oposición á lexislación en materia de igualdade e violencia machista, ou a falta de identificación das agresións sexuais como unha forma de violencia de xénero, apuntáronse como retos informativos que precisan ser atendidos con formación especializada neste eido, como esta que se tenta promover desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

A iniciativa pretende ter continuidade nos vindeiros anos, nos que se quere trasladar o programa formativo ás distintas redaccións galegas. As persoas que asistiron aos obradoiros nesta primeira fase converteranse daquela posteriormente nas formadoras que leven estes coñecementos aos seus compañeiras e compañeiros de profesión, de cara a fomentar a perspectiva de xénero necesaria para erradicar o machismo e a desigualdade dos medios.

A achega que fai a Consellaría a esta formación está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade. A acción formativa posta en marcha polo Colexio de Xornalistas pretende achegar coñecementos e ferramentas prácticas para solucionar as eivas detectadas no tratamento destas temáticas e introducir na profesión unha perspectiva de xénero que axude a eliminar as prácticas inadecuadas que perpetúan a normalización da desigualdade entre homes e mulleres. A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a Declaración de Compostela.

CPXG