O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia denuncia e condena o apagón informativo decretado polas autoridades en relación coa marea negra causada polo naufraxio do Prestige
A Xunta de Goberno do COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA, corporación de Dereito Público que agrupa a 1.083 profesionais da comunicación, desexa transmitir á opinión pública a súa preocupación polas dificultades que o Goberno Central e a Xunta de Galicia están a poñer diante dos xornalistas para informar axeitadamente sobre as circunstancias nas que tivo lugar a deriva e posterior naufraxio do petroleiro "Prestige" e acerca da evolución das sucesivas mareas negras de fuel pesado que destes feitos se derivaron e están a derivarse. O apagón informativo decretado, entre outros, polas autoridades da Mariña Mercante coa fin de evitar que os xornalistas poidan contrastar diferentes versións sobre estes feitos e a negativa a suministrar datos que os profesionais se ven na obriga de recabar de entidades que dependen dos gobernos francés e portugués constitúen dous exemplos intolerables do intento que están a desenvolver as autoridades españolas e galegas de someter ós medios de comunicación ó seu discurso oficial cando, nos asuntos relacionados coas administracións públicas, o dereito fundamental á información debe prevalecer sempre por riba de calquera restricción que vulnere inxustificadamente o principio da transparencia informativa ó que estan obrigadas.